Friday 26 de April de 2024

A Xunta de Goberno aproba obras en varias parroquias do rural por máis de 300.000 euros e tres novas convocatorias para axudas á rehabilitación de vivendas


O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, deu conta en rolda de prensa dos asuntos tratados na sesión ordinaria da Xunta de Goberno, na que, ademais de aprobar o inicio de varios expediente de contratación para realizar obras no rural por máis de 300.000 euros, se deu luz verde a tres convocatorias de axudas á rehabilitación de vivendas en Vista Alegre, Casco Histórico e en Pontepedriña cun orzamento global de 900.000 euros. Tamén se acordou iniciar os trámites para a recepción da obra de selado do vertedoiro de Aríns.

A Xunta de Goberno autorizou o inicio dos trámites para a recepción das obras de execución do proxecto de adecuación, selado e clausura do vertedoiro de Aríns, “unha gran actuación”, en palabras do rexedor, na que o Concello investiu 1 millón de euros. O terreo, de 32 hectáreas “era unha antiga mina de cobre e plomo que se sela para a súa conversión en parque público”, engadiu Sánchez Bugallo.

O alcalde tamén fixo referencia á aprobación do proxecto de reforzo de estruturas na rúa Concheiros 10, 12, 16 e 18, “a parte que quedaba sen facer e onde a estructura presentaba debilidades”. Vaise reforzar cun elemento metálico e “logo substituirase a parte superior por pedra”, indicou. A obra conta cun orzamento de 101.820,86 €.

Axudas á rehabilitación de vivendas

Nesta sesión ordinaria tamén se deu luz verde a tres convocatorias de axudas á rehabilitación de vivendas, ao abeiro do Plan Estatal de Vivenda 2013_2016 por un importe global de 936.496,55 euros. No caso da área de rexeneración e renovación urbana do barrio de Vista Alegre habilítase un orzamento de 283.449,85 €; para o Casco Histórico a partida é de 322.645,19 €; e para os grupos de vivendas Compostela e Cardeal Quiroga Palacios o orzamento previsto chega aos 330.401,51 €. Sinalou o rexedor que faltaría a convocatoria prevista para Vite, “que sairá proximamente”.

Obras no rural

O executivo local aprobou tres expedientes de contratación para a realización de obras en varias parroquias do rural, que en total suman 303.887,62 euros. En primeiro lugar, deuse luz verde ao expediente denominado “obras de pavimentación de viarios de acceso en Carlexo e A Gruñán (Villestro) e Outenín (Laraño)”, por un total de 81.791,15 euros.

Tamén se aprobou o expediente correspondente ás “obras de pavimentación de viarios interiores en Carlexo e A Braña de Silvouta (Villestro) e Xan Xordo e A Sionlla (Sabugueira)”, que contan cun presuposto de 104.104 euros; así como as “obras de pavimentación de viarios secundarios en Verdía, Marantes, A Gracia, Marrozos, Sabugueira, Villestro, A Curuxeira e Aríns”, orzamentadas en 117.992,47 euros.

As actuacións previstas nos proxectos construtivos foron incluídas polo Concello de Santiago de Compostela, segundo acordo da Xunta de Goberno Local do 30/04/2021 no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan Único de concellos) POS+2021 da Deputación Provincial da Coruña.

Tamén no apartado de contratación se adxudicou a execución das obras de mellora no servizo da instalación de climatización e renovación de aire do Centro Sociocultural de Santa Marta a efectos de eficiencia enerxética e confort interior, á empresa CLIMAWORK S.L., por importe de 85.500,00 euros máis IVE (17.955,00 euros), así como o expediente para a subministración de dúas motocicletas para a Policía Local e a apertura do procedemento de adxudicación mediante procedemento aberto simplificado e tramitación ordinaria, establecéndose un tipo de licitación 27.000, IVE incluído.

Convenios

A Xunta de Goberno aprobou o texto de varios convenios con entidades sociais cunha achega global de 102.000 euros que se desglosa do seguinte xeito: Asociación Itínera de Voluntarios en Saúde Mental, 5.000,00 €; Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela (Programa Vagalume), 30.000,00 €; Fundación Universidade de Santiago De Compostela, 9.000 euros; Asociación de Loita Contra as Enfermidades de Ril da Coruña (Alcer), 4.000 €; Asociación Compostelana de Esclerosis Múltiple (ACEM), 9.000 €; e Fundación Monte do Gozo, 45.000,00 €.

Licenzas

No apartado de licenzas, concdeuse unha para a rehabilitación dun inmoble para uso de vivenda familiar na rúa Espírito Santo e outra para o modificado do proxecto básico e de execución para a construción de vivenda unifamiliar illada na rúa Coto da Nai.

Así mesmo, autorizouse a recepción da fase final das obras de urbanización do polígono 2 do SUP-3, executadas pola Xunta de Compensación do polígono, “para poder entregar as cédulas de habitabildade”, engadiu o alcalde.

Xunta de Goberno extraordinaria

A Xunta de Goberno local, reunida en sesión extraordinaria e urxente, tamén aprobou hoxe un expedientes de crédito extraordinario por importe de 2.155.000 euros; e outro suplemento de crédito por 1.520.000 euros, financiados coon remanente líquido de tesouraría.

O expediente de crédito, por importe de 2.155.000 euros, destinarase á realización de actividades no ámbito da cultura e do comercio, á redacción de estudos comerciais, e á concesión de axudas no ámbito do emprego, da cultura, e da promoción económica. Polo que respecta ao suplemento de crédito de 1.520.000 euros, está previsto que se destine á realización de actividades no ámbito da lingua galega, á concesión de axudas do sector cultural, ao fomento do consumo no comercio e na hostalería local e ao desenvolvemento de actividades por parte das asociacións veciñais.